APEHL

Rubén David Goyzueta, do restaurante Nadela, representará a Lugo no Campeonato Oficial Hostelería de España-Tapas y Pinchos 2023

  • A competición, que terá lugar en Madrid Fusión, celebrarase os próximos días 23 e 24 de xaneiro.
  • O restaurante Nadela foi o establecemento escollido como gañador por parte do xurado técnico na última edición do Concurso de Tapas de Lugo.

12.01.2023. A Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo (Apehl) estará representada no Campeonato Oficial Hostelería de España-Tapas y Pinchos 2023, que organiza Hostelería de España, por Rubén David Goyzueta, do restaurante Nadela, gañador do XVII Concurso de Tapas de Lugo, celebrado na cidade durante o pasado mes de novembro.

A provincia de Lugo defenderá a súa candidatura neste campionato, que se celebrará no contexto do Congreso Internacional de Gastronomía Madrid Fusión e que se desenvolve anualmente na capital. O evento aglutina os distintos campionatos do país para fomentar a profesionalidade do sector e pór en valor a tapa como elemento esencial da gastronomía española.

O restaurante Nadela, cuxo responsable é Nacho Carballeira, levou o primeiro posto do xurado técnico no XVII Concurso de Tapas de Lugo e para o Campeonato Oficial Hostelería de España-Tapas y Pinchos 2023, o cociñeiro Rubén David Goyzueta, coa axuda de Roi Mouriz, presentará a seguinte proposta: Canelón de galo de Mos no seu mollo de asado, castaña de Galicia caramelizada, cogomelos silvestres e aceite de Quiroga.  

A competición celebrarase durante os próximos 23 e 24 de xaneiro e participarán trinta e catro establecementos hostaleiros en representación das asociacións e federacións provinciais de hostalería, na que rivalizarán por gañar o premio á Mellor Tapa/Pincho.

Este campionato é a fase final dunha serie de concursos de tapas e petiscos adscritos e pertencentes ao conxunto das asociacións que integran Hostelería de España, como é o caso do XVII Concurso de Tapas de Lugo organizado pola Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo (Apehl).

Rubén David Goyzueta elaborará en directo a súa tapa, que representa os valores deste concurso: mellora continua da oferta gastronómica e impulso do turismo gastronómico como elemento diferencial do turismo en España.

Durante o Campionato, nunha primeira fase que se celebrará o luns 23 de xaneiro, os participantes dividiranse en dous grupos, un pola mañá e outro pola tarde. Ao finalizar cada grupo e tras a valoración dun xurado experto, elixiranse tres finalistas, seis en total, que ao día seguinte disputarán a gran final. 

A cualificación dos pratos por parte do xurado basearase en criterios de adecuación do prato ao formato da tapa ou petisco, sabor e textura, orixinalidade, presentación, usabilidade para o establecemento hostaleiro, uso de produto autóctono ou tradicional e suxestión de maridaxe.

Cada concursante contará con 30 minutos para a elaboración e o emplatado da tapa ou petisco, que poderá ser de cocción tanto fría como quente. O establecemento gañador do campionato recibirá un recoñecemento en forma de placa e diploma, unha foto-reportaxe do evento e da súa elaboración e un vídeo-reportaxe do evento e da súa elaboración.