APEHL

Volve o posto de …E para comer, Lugo en La Vuelta 2021

23.07.2021. As condicións provocadas pola pandemia durante La Vuelta 2020 non permitiron que o stand de …E para comer, Lugo viaxase por toda España como viña sendo habitual nos últimos oito anos, pero este verán será de novo posible.

A Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo (Apehl), co apoio de Turismo de Galicia e a colaboración de varios consellos reguladores e asociacións de produtores, fará promoción turística e gastronómica da provincia nas saídas de etapa de La Vuelta Ciclista a España 2021. Así será presentado o vindeiro mércores 28 de xullo ás 11:30 horas na Oficina de Turismo da Xunta de Galicia en Lugo.

No acto, ademais do presidente de Apehl, Cheché Real, estarán presentes a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro; o delegado da Xunta de Galicia en Lugo, Javier Arias, e o director de La Vuelta, Javier Guillén, que estarán acompañados por representantes dos diferentes colaboradores desta edición.

Esta será a novena vez que o posto de …E para comer, Lugo se instale na zona VIP das 21 saídas de etapa, será atendido por persoal da Asociación e nel serviranse aos visitantes (ciclistas, patrocinadores, xornalistas especializados…) aperitivos elaborados con produtos da terra.

Este ano colaboran os consellos reguladores da Ribeira Sacra, Ternera Gallega, Queixo Arzúa-Ulloa, Queixo do Cebreiro, San Simón da Costa, Queixo de Tetilla, Pataca de Galicia, Castaña de Galicia, Avimós, Asovega, Asoporcel, Fabas de Lourenzá, Armadores de Burela, Galletas Daveiga, Grelos de Galicia, Pementos de Mougán, Mel de Galicia, Afapan, Aceite de Quiroga e Acruga, así como Estrella Galicia, Candelas, Cociñeiros de Lugo, CD Burela FS, Transportes Valín e El Progreso.

Ademais dos manxares gastronómicos da provincia difundiranse exemplares da última edición da guía turístico gastronómica …E para comer, Lugo.