APEHL

Xa en marcha o curso sobre desenvolvemento e xestión de proxectos enoturísticos

18.11.2020. O presidente da Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo (Apehl), Cheché Real, acompañado de Pilar García, deputada da Área de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo da Deputación de Lugo; Gloria Prada, primera teniente de alcalde do Concello de Monforte e concelleira de Facenda, Réxime Interior, Servizos Sociais e Discapacidade, e Xoán Cannas, director do Instituto Galego do Viño, visitaron esta mañá os alumnos do curso sobre desenvolvemento e xestión de proxectos enoturísticos que está sendo impartido no Centro do Viño, en Monforte de Lemos, quedando así inaugurado oficialmente.

Entre as materias teóricas da formación están a historia do viño, a percepción, a uva, o chan, o clima, a viticultura, o traballo en adega, o servizo, a maridaxe, a elaboración de cartas de viño, o mercado e as novas tendencias, a xestión do negocio, as habilidades comunicativas, o enomarketing en hostalería e o produto enoturístico. Como prácticas, realizaranse varias catas de viños galegos e nacionais.

O curso deu comezo onte 17 de novembro e continuará durante os días 24, 25 de novembro e 1 e 2 de decembro en horario de 10:00 h a 14:00 h e de 16:00 h a 20:30 h. Entre os docentes está o propio Xoán Cannas; Majo Peroni, licenciada en Relacións Internacionais, e Juanjo Figueroa, tutor do Curso Superior de Sumiller Profesional do Instituto Galego do Viño.

A formación está organizada pola Apehl en colaboración coa Deputación de Lugo.