APEHL

Arranca a campaña Regálal...E Regálat…E

18.12.2020. Un total de 22 negocios hostaleiros da provincia entre restaurantes, bares, cafeterías, hoteis e empresas turísticas participan desde hoxe na campaña Regálal...E Regálat…E, coa que a Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo (Apehl) quere incentivar a venda de experiencias gastronómicas e turísticas como agasallo para este Nadal, “unha iniciativa para axudar a activar os nosos negocios nesta etapa tan difícil pola que atravesamos”, afirma o presidente da Asociación, Cheché Real.

A iniciativa ofrece ao cliente a posibilidade de comprar gastronomía, consumicións, estancias en hoteis, turismo rural e experiencias turísticas nos establecementos participantes. “É un bo atractivo para clientes particulares e tamén unha boa idea para empresas, que poidan substituir os seus obsequios do Nadal por este tipo de agasallos para os seus traballadores”, afirma Real.

Os locais adheridos á campaña teñen un cartel identificativo como establecemento participante e uns tickets agasallo que se cubrirán en función da compra dos seus clientes. Na páxina web da Asociación (apehl.org) xa están visibles todos os establecementos participantes e a campaña desenvolverase desde hoxe 18 de decembro ata o 10 de xaneiro.

Ademais, todos aqueles asociados que estean interesados en participar poden sumarse á iniciativa en calquera momento poñéndose en contacto coa Apehl a través do correo electrónico comunicacion@apehl.org ou dos teléfonos 982 226 912/982 412 050.

“Este nadal imos regalar ...E para comer, Lugo”, destaca Cheché Real.

Lista de negocios participantes