APEHL

Comunicado ante a alerta sanitaria por coronavirus COVID-19

13.03.2020. Ante a situación que estamos a vivir provocada pola pandemia do coronavirus e que afecta de maneira especial ao sector da hostelería quérovos trasladar o seguinte comunicado:

Ao longo destes días, en colaboración coas patronais nacionais de restauración e aloxamento como son CEHE e CEHAT, entidades das que formamos parte, remitimos aos nosos asociados diferentes recomendacións para evitar o contaxio, tanto a nivel persoal, como no establecemento, así como pautas de actuación ante os distintos supostos que, no noso día a día, está a provocar esta epidemia.

Ante esta situación e valorando o que está a pasar noutras comunidades autónomas, coas cales estamos en permanente comunicación desde Apehl, consideramos que a decisión máis acertada a tomar nestes momentos é o  recomendar o peche temporal dos establecementos  de hostelería e  turismo da provincia de Lugo como medida preventiva para frear e conter a expansión do coronavirus e as súas graves consecuencias tanto a nivel de saúde como económicas, apelando á responsabilidade social. A non transmisión deste virus está, única e exclusivamente, na aptitude que teñamos os cidadáns.

Apehl considera que é mellor “frear de golpe” esta situación que seguir coa adopción de medidas de forma gradual que poden levar á “ruína do sector”.

A Asociación Provincial de Empresarios de Hostelería e Turismo de Lugo fai un chamamento á tranquilidade, pero debemos estar totalmente alerta. A solución a este problema está nas nosas mans e debemos facer un exercicio de civismo para protexer tanto aos clientes como aos empregados do sector da hostelería.

 

Cheché Real

Presidente da Asociación Provincial de Empresarios de Hostelería e Turismo de Lugo (Apehl)