APEHL

O sector hostaleiro galego perdeu 1.939 millons de euros de facturación pola pandemia

  • A dixitalización, os servizos delivery, a sostibilidade e a profesionalización marcan as tendencias para o futuro do sector.

21.12.2021. Hostelería de España, da cal formamos parte, presentou esta mañá o seu Anuario 2021, que recolle os principais datos da evolución do sector en 2020, tanto a nivel nacional como por comunidades autónomas, e inclúe a análise de peche de 2021, avanza as perspectivas de 2022 e sinala as tendencias do sector.

Este informe, que se presentou na sede do Campus Repsol de Madrid, recolle tamén os datos por Comunidades Autónomas. O sector hostaleiro en Galicia contaba antes da crise con preto de 21 mil establecementos dos cales un 93 % correspondía ao subsector de restauración que daban emprego a algo máis de 67 mil persoas. En 2019 este conxunto empresarial facturou 5.103 millóns de euros, que representaba o 4,8 % da riqueza rexional. O impacto da crise en 2020 supuxo un descenso do emprego ata pouco máis de 60 mil traballadores e a produción reduciuse ata 3.164 millóns de euros, pasando a supor o 3 % da riqueza da rexión.

O censo de empresas viuse reducido polo impacto da crise, que se ve reflectido na porcentaxe de supervivencia ao longo de 2020. Nas empresas empleadoras un 72,9 % en restauración, e un 77,9 % nas do aloxamento. Os autónomos tiveron porcentaxes maiores, un 84,5 % en restauración, e un 88 % no aloxamento.

En todas as provincias galegas había taxas netas de crecemento negativas ao final do ano. Pontevedra supón o peor resultado nas empleadoras de restauración, con descenso de dous díxitos, con igual comportamento nas empleadoras de aloxamento de todas as provincias. A produción descendeu en 2020 un 38 %, e o emprego nos servizos de restauración un 10,2 %. Os prezos hostaleiros reduciron a súa taxa interanual nove décimas en 2020 ata un 1,9 %, cunha evolución diferente nas dúas ramas de actividade. En restauración a taxa interanual descendeu seis décimas respecto da do ano anterior, situándose en 2,1 %, mentres que no aloxamento foi negativa (-0,4 %).

Ademais da análise pormenorizada do que supuxo 2020 para o sector, ao peche deste 2021 espérase a nivel nacional unha forte recuperación respecto de 2020 e que se modere a caída con relación a 2019, con descensos entre un 20-25 % no período do Nadal (o que supón unha facturación aproximada no período de entre 8.500 e 9.000 mill. de €). Na media de 2021 o descenso respecto dos datos precrise situarase entre un 25 e 30 %. 2022 será o ano da recuperación, aínda que condicionada pola incerteza na evolución da pandemia, a subida dos prezos e a finalización das axudas concedidas ás empresas, polo que a recuperación plena do sector é moi probable que se atrase ata 2023.

Doutra banda, desde Hostelería de España, insistiuse na necesidade de alargar o prazo de solicitude de axudas, que expira o 31 de decembro. A hostalería solicita a ampliación deste prazo ata xuño de 2022, ademais da aplicación de criterios máis sinxelos. Non se pode admitir que as CC. AA. vaian devolver ao Goberno 2.500 mill de € procedentes destas axudas coa grave situación que aínda viven as empresas.

Esta crise trouxo algunhas tendencias moi marcadas, que seguramente se impoñan a curto e medio prazo. A dixitalización está á cabeza, para mellorar os procesos, tanto de produción como de comercialización. Vanse producir novos momentos de consumo que suporán novas oportunidades de emprendemento, e a comida a domicilio e para levar seguirá experimentando un auxe que se sumará á oferta integral dos negocios. Por último, atoparémonos cunha hostalería cunha xestión moi mellorada, na que a eficiencia nos procesos e a profesionalización van primar, ademais, a sustentabilidade e a formación son outros aspectos ineludibles para a recuperación que marque as liñas do sector do futuro.

O sector da hostalería en España antes da crise facturaba 130.841 millóns de euros, o que representaba un 6,4 % do PIB e empregaba a máis de 1,7 millóns de traballadores. Estas cifras demostran a importancia que ten o sector para a economía do noso país e que conservou ao longo dos anos, tanto na contribución á riqueza do país como polo papel clave que protagoniza no desenvolvemento do turismo.

Así mesmo, desde Hostelería de Galicia, queremos ter un recoñecemento e trasladar o noso agradecemento a todas as administracións, Xunta de Galicia, Subdelegacións do Goberno, Deputacións Provinciais e a todos os Concellos da nosa comunidade autónoma, que dunha ou outra forma se solidarizaron co sector da hostalería e o turismo, concedendo axudas económicas e exencións de impostos e taxas, sensibilizados pola situación económica que atravesa o sector.