APEHL

Última xornada das Exaltacións Gastronómicas dedicada á raza Galiña de Mos, aos Grelos de Galicia, á Pataca de Galicia e ao Queixo de Tetilla

13.11.2019. O ciclo Exaltacións Gastronómicas, organizado pola Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo (Apehl) en colaboración coa Deputación de Lugo, remata neste mes de novembro cunhas xornadas que terán lugar dende este venres ata o día 24.

O presidente da Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo (Apehl), Cheché Real, e a deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, presentaron esta mañá na queixería Don Crisanto de Vilalba a derradeira xornada das Exaltacións Gastronómicas deste ano 2019. No acto tamén participaron o presidente de Avimós, Francisco Monasterio Solveira; o presidente do Consello Regulador da IXP Grelos de Galicia, Andrés de la Fuente; o presidente de Afapan, César Fieiras Pérez, e o director comercial de El Progreso, José María Álvarez Vilabrille.

Durante a súa intervención, Real agradeceulle “o apoio á Deputación, ás denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas e aos restaurantes por facer posible esta iniciativa que levou os produtos da nosa provincia ao consumidor final e que xa remata neste mes de novembro”.

Pola súa parte, García Porto destacou que “desde o mes de abril impulsamos, desde a Deputación de Lugo e da man de Apehl, este proxecto co fin de continuar fomentando o turismo gastronómico na provincia. Nesta liña, a través desta programación, puxemos en valor a excelente calidade dos produtos gastronómicos da nosa provincia a través da degustación de produtos acreditados cos selos de calidade como son a Indicación Xeográfica Protexida (IXP) ou Denominación de Orixe Protexida (DOP)”.

A iniciativa contou co apoio de diferentes entidades gastronómicas como Afapan, o Consello Regulador de Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia, a DOP Queixo Tetilla, a IXP Mel de Galicia, Avimós, a IXP Castaña de Galicia, a IXP Ternera Gallega, o CRDOP Queixo do Cebreiro, Asoporcel, a DOP San Simón da Costa, Galletas Daveiga, o CRDO Ribeira Sacra, Armadores de Burela SA, a IXP Faba de Lourenzá, Acruga, a DOP Arzúa-Ulloa, Asovega, a IXP Lacón Gallego, a IXP Pementos de Mougán, a IXP Grelos de Galicia e a IXP Pataca de Galicia.

PARTICIPANTES

Os 49 establecementos asociados participantes son Val, de Antas de Ulla; O Asador, de Barreiros; A Lonxa, Cervecería Kiko e Casa Miranda, de Burela; Río Lea, de Castro de Rei; Río de Oro, de Cervo; Os Pendellos Pulpería, Daydos e A Faragulla Brasería, de Chantada; Cantábrico e Complejo O Piñeiral, de A Fonsagrada; Casa Damián, O Lar, Xoyma e Hotel Leytón, de Foz; Casa Benigno, de Friol; Casa Gaibor, de Guitiriz; Campos, Casa Paco, Mesón de Alberto, Manuel Manuel, Os Cachivaches, Porta de Santiago, Casa María, O Cincuenta e Seis e Canedo, de Lugo; A Horta de Paula, de Mondoñedo; Tapería Centro do Viño, Parador de Monforte de Lemos, O Grelo, Garden, Abadía San Simón, Manuel Bistró e Hotel Cardenal, de Monforte de Lemos; O Rincón e Parada das Bestas, de Palas de Rei; Rectoral de Castillón, de Pantón; Casa García, de Pedrafita do Cebreiro; San Briz, da Pontenova; Parrillada Casa Torres, de Quiroga; O Lar de Manolo, Parador de Ribadeo, El Oviedo e A Mirandilla, de Ribadeo; Ponte Ribeira, de Sarria, e Parador de Vilalba, Montero e Mesón do Campo, de Vilalba.