APEHL

Volven as Catas ...E para comer, Lugo no Camiño, esta vez en Quiroga

O establecemento Parrillada Casa Torres acollerá o evento, que forma parte do programa O teu Xacobeo da Xunta de Galicia, o vindeiro mércores 28 de abril.

23.04.2021. A Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo (Apehl) ten en marcha a celebración por segundo ano consecutivo do Congreso Gastronómico e Cultural …E para comer, Lugo no Camiño, unha xornada sobre a cultura gastronómica dos Camiños de Santiago ao seu paso pola provincia de Lugo que terá lugar no Museo Interactivo da Historia de Lugo (MIHL) o 29 de maio. Esta iniciativa forma parte do programa O Teu Xacobeo.

Como introdución ao Congreso, están tendo lugar as Catas …E para comer, Lugo no Camiño, que son impartidas por Juanjo Figueroa, titor do Curso Superior de Sumiller Profesional do Instituto Galego do Viño, nivel 3 da Wine & Spirit Education Trust (WSET) e representante de Galicia no Campionato de España de Sumilleres ata en cinco ocasións.

Tras a celebración da primeira delas este pasado mércores en Portomarín, o vindeiro mércores 28 de abril toca en Quiroga, no establecemento Parrillada Casa Torres (Pereiro, 8), de 16:30 a 19:00  horas.

Aqueles que queiran participar nesta iniciativa, cuxas prazas son limitadas para cubrir coas limitacións de aforo, débense inscribir a través do teléfono da Apehl 982 22 69 12 ou desde a web apehl.org. 

 

Máis información

Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo. Teléfono: 982 22 69 12.

Xacobeo 2021

Xunta de Galicia